Friday 10 de May de 2024

O Concello da Pobra continúa achegando a opción de conciliar cuns obradoiros para este Nadal


O Concello da Pobra do Caramiñal achega novamente, a través da Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), a opción de conciliar cuns obradoiros que se desenvolverán dende o día 22 de decembro ata 7 de xaneiro. Transcorrerán no CEP Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas, coa posibilidade de entrar ás 10.00 horas, e están dirixidos a crianzas nadas entre 2010 e 2018.

O prezo total é de 30 euros por nena/neno, pero aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.

Ademais, inclúe o Servizo de Madruga, cuxo custo será de 8 euros pola entrada do cativo/cativa a partir das 08.00 horas e de 12 euros dende as 07.30 horas. Tamén haberá a prestación de comedor para dar maiores facilidades ás familias usuarias.

A data límite para a inscrición é no 20 de decembro a través das oficinas dos Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, cos teléfonos de contacto 981832590 e 981831545.